ACoruñaSon

ACoruñaSon é un certame de creación de canción popular que ten como obxectivo fomentar, descubrir e promocionar novos autores e autoras de canción popular en galego.
Os dez autores/-as seleccionados terán como premio a asistencia a un obradoiro de canción popular dunha semana de duración impartido por Santiago Auserón, primeira figura da creación, a interpretación e o estudo da música popular peninsular, onde traballarán as súas propias composicións. Así mesmo as Concellarías de Cultura e de Mocidade asumirán a gravación e edición dun disco colectivo coas composicións dos dez autores premiados.
Os autores que non foren seleccionados entre os dez participantes do obradoiro, así como outras persoas interesadas en asistir ao Obradoiro de Canción Popular que será impartido por Santiago Auserón do 24 ao 28 de marzo na Coruña, teñen a posibilidade de matricularse en calidade de alunos oíntes de forma gratuíta até completar aforo.